Os retratos de Virxilio Vieitez (Soutelo de
Montes, Forcarei, 1930-2008) transmiten de xeito inequívoco o espírito da
posguerra galega. A construción das súas fotografías baséase en dúas premisas
fundamentais; a frontalidade do retratado respecto do obxectivo da cámara e a
inserción do suxeito na súa contorna, acompañado dalgún elemento que nos achega
indicios sobre a súa psicoloxía. Este modo de proceder unido a un sobrio
tratamento da luz natural dá lugar a unha posta en escena espida que connota un
espazo plástico pero profundamente real no que o ser humano adquire a máxima
transcendencia.

A caste de fotógrafos de que forman parte Keita e
Vieitez non escapaba á carestía xeral da súa contorna. Como os medios eran
escasos, tiñan que improvisar in situ. O minimalismo escenográfico destas obras
deixa constancia dunha eficaz xestión dos recursos que tiñan á man: unha
corredoira, unha horta ou as vivendas dos modelos servían como pano de fondo no
caso de Vieitez; un cobertor, que cambiaba cada tres anos, no caso de Keita (este elemento de atrezo serve para establecer a cronoloxía dos máis de 10.000
negativos que conforman o seu arquivo).
A pesar da aparente sinxeleza das composicións
existe unha minuciosa elaboración debido a que as súas humildes economías
demandaban resultados óptimos co menor gasto de negativo; por iso deben aguzar
o enxeño para que un universo revisitado unha e outra vez non resulte anódino.
Os clientes de Keita posan fachendosos diante da cámara con vistosos
traxes e túnicas (vestimenta que lles proporcionaba o propio fotógrafo se
consideraba que non viñan cun atuendo acorde coa ocasión), ademais de
numerosos abelorios. Sinala Keita que nas mulleres “as xoias eran
tan importantes como as mans; os dedos longos e delgados eran considerados
símbolos de elegancia e beleza”. Estas fotografías eran, xa que logo, un símbolo de prestixio.
Tamén para prestixiarse acodían a Vieitez algúns
dos seus clientes, concretamente os indianos, que desexaban retratarse a carón
dos seus haigas. Non era o máis
habitual no caso do galego; polo xeral os seus modelos circunscribíanse aos
labradores de Terra de Montes en instantáneas que con frecuencia tiñan un
destino transoceánico, como a da vella coa radio comprada cos cartos enviados
desde as Américas. A estética da fame
das fotografías de Vieitez esconde o halo fantasmal da emigración masiva;
mentres, a fotografía de Keita pon fin a un atavismo dos seus compatriotas, que
temían que coa súa imaxe o fotógrafo lles estivese a roubar a identidade.
.jpg)

No hay comentarios:
Publicar un comentario