martes, 27 de mayo de 2014

A trazabilidade da zoca

Unha das imaxes que máis curiosidade suscita ao espectador cando asiste a unha proxección de O instante eterno é unha fotografía datada en 1926 na que aparecen sentados Díaz Castro e o seu irmán Serafín, e cuxo primeiro plano está ocupado polas zocas dos dous cativos. Este fotograma actúa, en realidade, como caixa de resonancia de Nimbos e do seu tempo. 
Os alumnos dos centros de ensino nos que presento o documental entenden con relativa facilidade a importancia da zoca como elemento básico na vida dos nosos antepasados. Non en van foi o calzado máis usual durante séculos na Galicia interior, pois permitía aos labradores manter os pés enxoitos nos días de choiva e evitaba as lameiras nas que adoitaban converterse os camiños durante o inverno e gran parte da primavera. Pero a miúdo cando se lles explica aos rapaces o proceso de fabricación desa zoca xórdelles un dilema moral; para facer as zocas hai que talar árbores, no caso da Chaira, o máis habitual para este mester era a madeira de abedugo.
Xosé María Díaz Castro e Serafín en 1926. Fotograma de O instante eterno.
Establécese entón un debate que sempre remata no mesmo punto, cando alguén suxire que seguramente o zoqueiro cortaba a árbore, e acto seguido no mesmo lugar plantaba outra. Isto produce un silencio, un espazo de reflexión durante o cal os nenos asimilan a información e transfórmana en coñecemento, para comprender que os nosos vellos aproveitaban ao máximo todos os recursos que a natureza lles ofrecía. En efecto, a supervivencia dependía en boa medida de acadar o equilibrio co medio.
Pois ben, así como os contemporáneos de Díaz Castro coidaron o bosque para fornecerse de alimentos, calzado ou leña, dese mesmo xeito intuitivo preservaron a lingua, porque aínda que a inmensa maioría fosen iletrados, entendían por sentido común que o legado dos seus devanceiros constituía algo sagrado, a cerna da súa identidade. O poeta do Vilariño é xustamente a voz a través da cal se transmite esa cultura na súa esencia.
Outro momento fascinante acontece con frecuencia ao final da sesión, cando os cativos recapitulan os temas máis relevantes de Nimbos. Sempre hai varios que cren que o obxecto principal do poemario é o amor, pero non saben explicalo con certeza. Tampouco eu, que coincido sobre este mesmo particular.
Bosque a carón da Serra de Montouto, berce poético de Díaz Castro. Fotograma O instante eterno.
Se cadra, igual que sucede coa zoca, tamén podemos procurar a trazabilidade de Nimbos; pero antes cómpre situármonos nun tempo de loita sen descanso do pobo contra a adversidade, de sacrifios e privacións materiais. E hai que afondar nos vínculos de Díaz Castro coas cousas da súa contorna para decatarse de que a súa obra constitúe un acto de amor. Por iso é de xustiza, na medida do posible, devolverlle ese afecto. A festa das Letras é moi importante, pero moito máis será que nunca deixemos de ler Nimbos.
UA-32116171-1