jueves, 31 de mayo de 2012

A mística da feminidade en Mad Men (III)

A muller de carreira: de Joan Holloway a Peggy Olson.
Betty Friedan distingue tres tipos de muller baseándose nun estudio de 1945; a verdadeira ama de casa, a cal sente tal devoción polas labores do fogar que se mostra incluso reticente aos progresos técnicos que poden aliviala no seu día a día; a ama de casa equilibrada, que tivo emprego anteriormente e acepta gustosa a axuda dos novos electrodomésticos; e por último a muller de carreira, demasiado esixente. Para os autores do estudo o inconveniente deste terceiro patrón é “tratar de utilizar a súa propia intelixencia e xuízo posto que cada vez xulga menos segundo normas colectivas ou da maioría” debido a que “está desenvolvendo normas independentes”.
Tras esta perspicaz análise resulta evidente que a muller de carreira se atopa no polo oposto de Betty Draper, é dicir, do ideal da mística da feminidade. Friedan capta (e Weiner amosa) un comportamento habitual nas mulleres tipo que pode cualificarse como “a incesante busca do home” nos bares e nas oficinas. No entanto a muller de carreira con frecuencia deberá renunciar á vida en parella non como decisión propia senón como peaxe a pagar, como parte do estigma co que é percibida pola sociedade.
Aparentar unha muller de carreira pero seguir atrapada na mística da feminidade confire gran complexidade ao personaxe de Joan Holloway.
Weiner retrata á muller de carreira no personaxe de Peggy Olson. No capítulo inicial de Mad Men a xefa de secretarias, Joan Holloway, explica a unha novata Olson algunhas das claves do seu traballo, aconsellándoa sobre a forma na que deberá relacionarse cos homes, “eles buscan a unha persoa entre camareira e nai”, ademais de regalarlle o seguinte consello “se te sabes mover estarás vivindo na cidade como nosoutros; pero que se de verdade te sabes mover estarás vivindo no campo e non terás que traballar”. Como colofón, para deixarlle claro o seu rol na empresa Holloway sinala cara a súa máquina de escribir, unha moderna IBM Selestric, afirmando que é ”tan sinxela que incluso pode usala unha muller”.
Pero Peggy desenvolverá unha rara honestidade naquel mundo das aparencias, desde o principio non seguirá o camiño preestablecido. A benxamina de Sterling Cooper irá ascendendo desde o chanzo máis baixo ignorando as escandalosas insinuacións dos creativos, e asimilando os consellos maternais de Joan para que revertan no seu proveito. Peggy é transgresora porque privilexia o sentido común antes de someterse ás convencións; ante a pregunta do seu compañeiro Fred Rumsen de por que motivo nunha proba de barras de labios Belle Jolie no elixiu ningunha cor responde que outra rapaza escollera o seu preferido, e que ela o que quere "é ser única". De forma inconsciente suxire un slogan para a campaña, o cal conmociona ao resto dos creativos, sorprendidos de que unha muller poida ter ideas. Un deles referirase ao suceso dicindo que “foi como ver a un can tocar o piano”.
Peggy Olson,a muller de carreira, ascende grazas ao seu talento, algo inaudito para unha muller nun mundo totalmente masculino.
O punto de inflexión no crecemento do personaxe de Olson prodúcese cando nun xesto instintivo pon a súa man sobre a de Draper; o seu xefe retíraa recriminándolle se ven á oficina a traballar ou a buscar noivo. Nese instante Peggy entende que o seu físico e o seu carácter non lle permitirán ascender a través do sexo. A partir de entón converterase nunha especie de alter ego de Don Draper. A visita deste ao hospital, onde ela se recupera dun embarazo non desexado, estreita aínda máis os lazos: “Sal de aquí e segue adiante. Isto non ocorreu”, aconséllalle o publicista. É un tratamento de igual a igual; definitivamente fixéronse cómplices.
De forma paralela ao personaxe de Peggy vai medrando o da “voluptuosa” Joan Holloway, a xefa de secretarias, unha muller moderna en aparencia, que viste á moda e que considera o seu corpo como unha ferramenta máis de traballo, aínda que os seus principios seguen ancorados nas convencións sociais. Holloway provoca admiración e desexo alí por onde vai, é consciente de que esa é a súa arma máis prezada pero no fondo ela mesma se impón barreiras; entende as limitacións do seu xénero e acepta o rol.
Dúas grandes decepcións farán a Holloway reconsiderar a súa posición no mundo; por unha banda unha das novas secretarias convértese na esposa do seu amante Roger Sterling (que até ese momento non pensara en serio no divorcio), e por outra o feito de que Peggy, a súa subordinada, conseguira ascender a través do seu talento. Entón Joan decide dar un paso adiante e por iniciativa propia comeza a supervisar guións para decidir sobre a inserción de publicidade das marcas representadas pola empresa en televisión. A pesar da súa eficiencia os seus superiores deciden contratar a outra persoa (home, por suposto).
Peggy, Betty e Joan representan en Mad Men os tres tipos de muller descritos catro décadas antes por Friedan.
Joan, muller con educación e formación, con ideas e aspiracións, é prisioneira de si mesma. Ninguén a toma en serio debido ao seu físico. A pesar de ter un traballo ben remunerado e vivir aparentemente emancipada, atópase atrapada, ao igual que Betty Draper, na lóxica da mística da feminidade.
En termos de relato, desde uns capítulos iniciais que parecen debuxar un carácter plano, o arco de transformación do personaxe de Holloway vaise curvando precisamente polo seu medo atávico a perder a feminidade. A súa infrutuosa loita é o reflexo de outras moitas mulleres da época por afirmar a súa individualidade, por exercer con plenitude os seus dereitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1