De Betty Draper a Betty Francis
Amelia Valcárcel sinala que era tanto o poder da mística da feminidade que todo o empeño
das institucións ía encamiñado a reafirmar o seu modelo. O papel dos medios de
comunicación neste contexto era capital, en particular o das revistas femininas
(das que Friedan realiza un profuso seguemento), esenciais para perpetuar os
roles de xénero. Outro medio cuxa influencia medraba de modo exponencial era a
televisión. Baste só con citar un dos produtos máis emblemáticos deses anos para
calibrar o tipo de argumentos que trunfaban: a ficción televisiva Embrujada (Bewitched, ABC 1964-1972),
protagonizada non por unha “vella bruxa como a súa nai, senón por unha esposa
cariñosa que renuncia de boa gana aos seus poderes e se desvive pola vida
profesional dun marido mediocre e simpático”. No caso do cinema, o modelo feminino
cambia con respecto á década anterior. Se nos cincuenta eran máis apreciadas as
mulleres independentes como Katharine Hepburn ou Doris Day, o canon do Hollywood de comezos dos
sesenta márcao Grace Kelly, xa non só como actriz senón como muller que renunciou
á súa carreira profesional para casar co seu príncipe azul.
|
Betty Draper, unha nena atrapada nun corpo de muller. |
Betty Draper (que precisamente é comparada con
frecuencia con Grace Kelly polo seu parecido físico) tamén se retirou, e agarda
na casa impaciente o regreso do seu home. Betty confesa a Don que durante o día
só pensa no momento en que el apareza e lle faga o amor. Para Friedan o sexo é
“a única fronteira aberta á muller que sempre viviu dentro dos confíns da
mística da feminidade pero en lugar de cumprir a promesa dunha infinita
felicidade lograda por medio do orgasmo, a vida sexual convértese nunha
convulsión nacional estrañamente lúgubre, cando non nunha burla despectiva”.
Por iso ao final da escena, antes de comezar o coito, Betty prega ao seu marido
que apague a luz.
Segundo o psiquiatra de
Betty –que puntualmente informa a Don vía telefónica do contido das sesións-,
ela atópase pechada na cabeza dunha nena. E as anomalías que se perciben no fogar reverten en dous
personaxes infantís: por un lado Glen, o fillo de Helen Bishop, a veciña
divorciada dos Draper, e por outro a filla da parella, Sally.
|
Sally proxecta as actitudes e frustracións da súa nai. |
Con motivo dunha das súas
saídas nocturnas Helen Bishop deixa ao seu fillo Glen, de nove anos, ao coidado
de Betty. Durante a velada, o neno pídelle a Betty un guecho de cabelo, e ela,
a pesar do inapropiado da situación, accede a darllo. É evidente que Betty se
identifica co papel de obxecto de admiración masculina para o que foi educada. Sendo
criada como unha especie de boneca, que require constante atención, non pode
resistirse a regalar o guecho a Glen como se fose un relicario. Betty séntese
soa, anhela que alguén mostre afecto por ela; por iso cando episodios máis
tarde se encontra con Glen no aparcadoiro dun centro comercial, confésalle
empapada en lágrimas que ninguén lle fai caso. Glen colle a súa man a modo de
consolo: “Se eu fose maior coidaría de vostede”.
A
frustración de Betty trasládase á súa filla Sally, que como calquera outra nena
da súa idade imita os comportamentos da nai, con frecuentes demostracións de
coquetería. Sally sufrirá diferentes reveses, como a morte do avó, que a pesar
de padecer demencia senil, é a única persoa que a toma en serio. O divorcio dos
pais agrava a conduta da rapaza, que encontrará en Glen o cómplice perfecto
para as súas travesuras. A deriva deste personaxe corrobora a afirmación de Friedan de que “as
mulleres dominaban ás súas fillas: ou as criaban dentro da dependencia pasiva e
do conformismo, ou as empuxaban inconscientemente a certas actividades sexuais”. Una escena sintomática sucede cando Sally
é sorprendida no salón masturbándose vendo unha
película mentres a súa amiga, a filla doutros viciños, dorme.
|
Carla é a única capaz de controlar as reaccións de Sally. |
A
hiperactividade dos pequenos Draper provocan que Betty teña que contratar a
Carla, unha neneira de cor. Carla ademais de ser muller
é negra, unha estraña nun fogar que representa de forma modélica a sociedade do
benestar. Pero pola súa experiencia e intelixencia emocional consegue dominar
aos pequenos, aos que a súa nai é incapaz de imporse. Cando Betty fracasa na súa
relación de parella, acosada polas infidelidades do seu marido e polos seus
propios fantasmas, despide a Carla nun acto de celos que ninguén ao seu redor pode
entender.
Betty é incapaz de traspasar a soleira da casa,
por iso ao separarse de Don, en lugar de encamiñar a súa vida cara outro
horizonte sucumbe aos convencionalismos do seu tempo. Betty Draper trasladarase
dun fogar a outro. Na casa da súa nova parella –o político Henry Francis- converterase
en Betty Francis. E alí será, de novo, inequivocamente infeliz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario