martes, 30 de julio de 2013

En tren, de La Ciotat a Angrois

Os primeiros filmes dos irmáns Lumière eran escenas que discorrían en cidades benignas e que amosaban o mundo da burguesía, en plena efervescencia industrial. O seu propio invento, o cinematógrafo, constituía o paradigma daquel ideal de progreso; por vez primeira un mecanismo conseguía atrapar e reproducir a imaxe en movemento.
Unha das secuencias máis célebres dos Lumière amosaba un tren arribando á estación de La Ciotat, na Provenza. A pesar de que a locomotora ía a escasa velocidade e diminuíndo a marcha, a escena provocou unha estampida entre os espectadores que asistiron a aquela histórica sesión do 28 de decembro de 1895.
Logo duns inicios balbuceantes, o cinema sacudiuse deseguida o complexo de inferioridade con respecto a outras artes. En poucos anos artellou os seus dispositivos de sedución que o consolidarían como a arte por excelencia do século XX. Coa chegada da televisión puidemos asistir á retransmisión de grandes eventos deportivos, a chegada do home á lúa, asasinatos de presidentes, golpes de estado ou á guerra en directo. E como colofón a caída das Torres Xémeas, imaxe na que algúns constataron o fin da historia –a falta de documentos audiviosuais sobre o Holocausto.



Co avance exponencial da tecnoloxía e a súa democratización comezamos a documentar as nosas propias experiencias: a voda, as vacacións, o nacemento dos fillos, os seus primeiros pasos… Logo eles, os nenos, convertidos en adolescentes, usaron os modernos dispositivos electrónicos coa mestría dos nativos dixitais: gravárono todo, incluso algunha que outra malleira no colexio ou á noiva espida. Gravacións que colgaron (e colgamos) sen pudor a Youtube –os últimos datos falan de cen horas de vídeo subidas cada minuto-.
A cuestión fundamental é que non podemos vivir sen imaxes, a nosa retina volveuse tan imperfecta que xa non consegue reter a sensación de realidade. Por dicilo doutro xeito, todo o que non quede rexistrado é susceptible de non ser real.
A imaxe do tren de Angrois en esencia transmite o mesmo que a dos Lumière: unha máquina que se arrastra fachendosa por un camiño de ferro relucente; outra metáfora do progreso. Pero nos xa vimos mil veces o tren dos Lumière. Que agardamos entón fronte á pantalla? Pois a mesma sensación daqueles espectadores neófitos do Salon indien du Grand Café: o nunca visto. Non nos abonda cos ”incribles efectos” dos filmes do xénero de catástrofes, nin os seus remedos dixitais. Necesitamos algo máis auténtico. E en verdade, a escena non defrauda, vémola unha e outra vez: é o horror en estado puro.



Pero o relato ten que seguir. Eses segundos gravados por unha cámara de seguridade que alguén roubou á empresa ferroviaria aínda non nos satisface plenamente. E desde o momento en que se produce a traxedia xa hai xente á procura de máis alimento para o noso morbo; equipos de televisión empolincados en zonas imposibles ou xornalistas camuflados entre os equipos de rescate tratan de cumprir a misión que lle encomenda a sociedade: mostralo todo e de xeito instantáneo. E se non están eles alí, por descontado sempre haberá alguén que no canto de socorrer aos feridos saque o seu teléfono móbil e se crea un dos personaxes de White Bear
Probablemente as nosas existencias non sexan máis que outro capítulo de Black Mirror.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1