martes, 1 de octubre de 2013

True Love: persoas devoradas polos sentimentos

O tempo pasado coa “persoa amada”? Os silencios compartidos? A magnitude dos segredos? Cal é a verdadeira dimensión do amor? Cuestión difícil de precisar. O que resulta obvio é que todos, absolutamente todos, caemos nas súas redes nalgún momento das nosas vidas.
Dominic Savage trata de amosarnos eses camiños inescrutables en True Love (BBC One, 2012). A partir de cinco tramas argumentais con arestas comúns vanse construindo escenarios arredor do “amor verdadeiro”, que dista moito do ideal implícito na expresión. O “amor de verdade” –o que vivimos na vida real- correspóndese máis con esas unións ou alianzas que establecen as persoas para sobrevivir ante o risco de quedarse soas. Neste sentido, True Love, na súa esencia, está a falarnos sobre a infelicidade, mal supremo que azouta as nosas sociedades contemporáneas.

Desde que no capítulo inicial observamos o rostro torturado de Nick (David Tennant) a piques de tomar a decisión máis transcendental da súa vida, sabemos que o mar será xuíz e parte no devir dos acontecementos. True Love transcorre na apracible vila costeira de Margate: polas súas praias desertas, polo paseo marítimo ou ao bordo dos cantís van aparecendo os personaxes, en parella ou en soidade, a piques de ser fagocitados polo amor nas súas múltiples acepcións. O mesmo que Nick, Paul, Holly, Sandra ou Adrian loitan a peito descuberto coas súas pantasmas, e esa inmensidade azul e gris no canto de ser un bálsamo para as feridas actúa como pano de fondo e metáfora das súas propias disfuncións.

Os personaxes de True Love non están sometidos a un férreo guión; Savage proporcionoulles aos actores unhas pautas para que improvisasen, deixando fluir as emocións. A mecánica de cada capítulo consiste en trazar sutís variacións sobre o concepto de fidelidade. Quen é máis honesto nunha parella, aquel que mantén unha relación extramatrimonial ou quen rexeita o achegamento físico do outro? Que é máis cruel, ter que elixir entre a familia ou un amor de xuventude que reaparece de súpeto ou manter a relación de xeito artificial sabendo que o outro ficou no fogar presa dos remordementos? Detrás desta ambigüidade, aderezada por incertos happy endings, a historia que se resolve de xeito máis satisfactorio é a de Holly (Billie Piper), unha mestra que se namora (sendo correspondida) da súa alumna Kate, aínda menor de idade, co que isto representa de inaceptable no seu entorno social. Hipótese: o “verdadeiro amor verdadeiro” quizais sexa aquel que se impón por enriba de calquera convencionalismo.
A diferencia doutras series como Dates (Channel 4, 2013), True Love non se conforma co amor de superficie, senón que trata de explorar as motivacións íntimas de cada personaxe. En True Love están en xogo moitas cousas. Está todo en xogo porque en realidade o que se está a definir non é simplemente o amor con respecto aos demais, senón tamén o amor propio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1