martes, 11 de junio de 2013

Black Mirror e a conciencia ficción

Black Mirror (Channel 4, 2012-2013), é unha miniserie creada por Charlie Brooker que consta —até o momento— de seis episodios autoconclusivos divididos en dúas temporadas. Cada unha destas historias constitúe un artefacto de sólido pulso dramático que comparte coas demais estética, ton e un fin común: formular hipóteses sobre un futuro inmediato e advertirnos do perigo que entraña o uso desmedido da tecnoloxía.
O secuestro da princesa Susannah e a condición esixida para o seu rescate —que o primeiro ministro fornique cun porco diante de todo o país— conforman a premisa dramática de The National Anthem, o capítulo inaugural da serie. O que nun primeiro momento parece unha broma de mal gusto acaba por complicarse até límites insospeitados; ao final, o feito de que o responsable da performance sexa galardoado co premio Turner converte este thriller político nunha parodia de nos mesmos e do mundo que estamos construíndo.
O Primeiro Ministro debe de realizar un humillante sacrificio para salvar a vida da Princesa.
Por debaixo da liña de flotación da audaz trama The National Anthem bulen novas formas de resistencia que veñen a substituír ás respostas tradicionais ao poder establecido. Agora que os usuarios contamos con ferramentas apropiadas, o xogo resulta imprevisible, ou como sinala o asesor do primeiro ministro, “estamos en territorio virxe”. Esa precisamente é a clave do éxito de Black Mirror, evita a seguridade dos camiños trillados e sitúanos ante dilemas nunca antes propostos.
O xurdimento de mecanismos que tratan de desafiar o principio de autoridade é posto en valor tamén en The Waldo Moment, capítulo que clausura a segunda temporada da serie. Un boneco groseiro e irreverente, manexado por un cómico frustrado, preséntase ás eleccións con posibilidades reais de ganar: un epítome perfecto do colapso que sofren os nosos sistemas políticos e sociais.
O díptico formado por The National Anthem e The Waldo Moment esgrime similares argumentos aos do sociólogo Manuel Castells en Comunicación y poder. A pesar de que posuímos os medios idóneos para crear unha “democracia informada” non os estamos aproveitando, posto que a clase política aínda non se convenceu da caducidade do sistema que representa. E como os mandatarios son remisos a adaptarse aos cambios, a reforma procederá de axentes externos; serán eles os que reformen ou “destrúan sen reforma”. De aí o delirio colectivo que provoca Waldo ou a imaxe da cidade de Londres deserta coa audiencia agardando diante do televisor a humillación á que será sometida a persoa a quen elixiron como representante.
A candidatura do boneco Waldo reflicte a surrealista situación política que padecemos.
Castells revela a existencia de “prácticas de comunicación insurxentes” que contrarrestan as estratexias de manipulación articuladas desde o poder. Os movementos cidadáns xurdidos de forma espontánea a través das redes sociais (os máis visibles encarnados nas denominadas primaveras árabes) son o exemplo máis patente desta nova sensibilidade. The Waldo Moment non é ciencia ficción, de forma simultánea á súa emisión, a apoteose electoral do M5S de Beppe Grillo en Italia converteu este episodio nun bocado de realidade.
15 Millions Merits e White Bear conforman o segundo segmento temático de Black Mirror, dous exercicios visuais que levan ao paroxismo os presupostos de La sociedad del espectáculo de Guy Debord. Brooker amosa a capitulación do ser humano ante a súa aparencia, na senda de dous dos seus traballos precedentes, as sátiras Dead Set (E4, 2008) e How TV Ruined Your Life (BBC2, 2011). Tanto estas dúas series como os capítulos citados de Black Mirror poñen no punto de mira a proliferación da pornografía —non como xénero senón como síntoma, como unha desmedida propensión a ensinalo todo— e os efectos perversos dos medios sobre unha masa acrítica cada vez máis desinformada e autocompracente.

En 15 Millions Merits as pantallas son a verdadeira realidade  
En 15 Millions Merits Brooker recrea un mundo de autómatas que dedican a súa existencia a pedalear co fin de acumular créditos, unha sorte de moeda de cambio coa que os personaxes se costean artigos de primeira necesidade –comida, bebida— e outros “obxectos do desexo” —un dos máis demandados é a participación nun talent show—. O capítulo desenvólvese nun submundo de imaxes, no que o efecto alienante do traballo e a omnipresencia das pantallas —as cales incluso constitúen a superficie física do fogar— é unha metáfora de como o mundo abandonou a realidade en favor da súa representación, ou en palabras de Debord “o momento histórico no cal a mercadoría completa a súa colonización da vida social”.
En White Bear unha muller esperta con amnesia e de inmediato comeza a ser acosada por individuos que filman cos seus smartphones todos e cada un dos seus movementos, nun ritual que non dista en exceso do que podemos encontrarnos nas rúas de calquera cidade occidental ante o xurdimento de algún suceso ou evento, por intranscendente que sexa.
White Bear: simulacro en estado puro.
Brooker atrapa ao espectador co cebo do oso branco para ao final do capítulo dar un xiro ao relato, cambiando o sentido da parábola. White Bear fai patentes os efectos secundarios da tecnoloxía: a destrución do pudor e a incapacidade de empatizar co sufrimento doutros seres humanos. O ver as cousas a través dunha pantalla, en certo sentido fai que sexan “menos reais”; unha matanza na televisión non nos provoca a mesma reacción que se somos testemuñas directas dela a carón das nosas casas. Os dispositivos tecnolóxicos funcionan como unha especie de mecanismo de afastamento emocional que nos volve insensibles á dor, á morte, ao sexo, a todo.
A primeira temporada de Black Mirror péchase con The Entire History of You, un relato no que os personaxes portan un chip de memoria implantado na súa cabeza que rexistra as súas experiencias. Se se rebobina pódese ver pasar por diante todas as lembranzas; algo similar ao que, din, sucede cando estamos a piques de morrer. Navegando por este friso de imaxes Brooker asómase ao territorio dos sentimentos a través dunha historia de amor, coas súas pertinentes infidelidades e celos.
The Entire History of You: ¿Que sucedería se puidesemos acceder a todas as nosas lembranzas con só premer un botón?
The Entire History of You explora como afectaría á nosa percepción e ao noso equilibrio psíquico o feito de “rememorar” punto por punto as experiencias vividas tal e como estas sucederon. Sabido é que a memoria humana reelabora os acontecementos engadíndolles certas doses de ficción —incluso con frecuencia lembramos cousas que nunca sucederon— a través dun sofisticado mecanismo de protección contra a dor que nos permite superar traumas, lidar cun sentimento de culpa, etc. Brooker cuestiona que pasaría se a tecnoloxía fixese desaparecer esa “rede de protección”, substituíndoa por un sistema no que os nosos recordos fosen fieis á “realidade” e puidesen ser compartidos cos demais directamente, sen a mediación da linguaxe. Un mundo moi “auténtico”, pero practicamente insoportable...
O círculo de Black Mirror péchao Be Right Back —en orde cronolóxica o primeiro capítulo da segunda temporada—, un guiño á vida despois da morte. Unha moza embarazada, que acaba de perder á súa parella, descobre a existencia dun software capaz de reproducir a personalidade do falecido rastrexando as actualizacións dos seus perfís nas redes sociais. Este enxeño tecnolóxico é capaz de actualizar as contas do desaparecido a partir da marca indeleble que este deixou gravada na nube, simulando a súa linguaxe, o seu estilo e incluso o seu sentido do humor. Un desacougante relato distópico, onde a nosa pegada dixital —a auténtica medida do noso tempo— preséntase como unha ferramenta potencial para a suplantación da personalidade.
¿Pode reemprazar algo a saudade da morte? En Be Right Back semella posible.
En Be Right Back obsérvanse numerosas referencias clásicas: desde a literatura bíblica, con resurreccións e simboloxía —a mazá do pecado capital converteuse no logotipo do dispositivo que axuda a conectar co máis alá— até ecos do romanticismo a través da temática do amor sublime capaz de transcender a morte, o diálogo coa paisaxe, ou unha máis que evidente referencia á figura de Frankenstein.
A tese de Black Mirror é que o soño da tecnoloxía tamén crea monstros. En certo sentido a súa irrupción nas nosas vidas arrástranos cara o imperio do banal; hoxe en día calquera persoa, feito, o acontecemento é susceptible de adquirir unha dimensión desmesurada ou, polo contrario, de degradarse perdendo a súa condición e pasar a ser obxecto de consumo. Parece abrirse un abismo con respecto á utopía —na que algúns aínda cremos— de que o paradigma dixital nos conducirá á sociedade do coñecemento.
Debido aos seus argumentos e intencións é probable que Black Mirror envelleza con rapidez, ou quizais non sexa máis que outro produto de obsolescencia programada. Pero ninguén pode negar a súa capacidade para remover os cementos da ficción televisiva; pola súa ousadía formal, pola súa capacidade para axitar conciencias e, sobre todo, por invitarnos a mirar a realidade con outros ollos resulta un “aviso a navegantes” en toda regra. O que de verdade nos fascina de Black Mirror (e o que xera desasosego) é que con toda seguridade os seus relatos non son máis que a punta do iceberg do que nos agarda.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1