Unha escena similar acontece
na película de Nuri Bilge Ceylan Érase
una vez en Anatolia (2011); un grupo de homes chega de noite a unha pousada
e logo dunha frugal cea, e de soportar a impertinente conversa do anfitrión,
asisten á aparición case pantasmal dunha rapaza á que contemplan nun silencio reverencial,
para de inmediato somerxerse nos seus pensamentos. A emoción da secuencia
radica, máis que nese rostro anxelical, na profunda tristeza que exsudan as
faciana dos homes. Mentres o adolescente de Las
bellas compara a visión co “chispazo dun lóstrego” propio da xuventude,
para os protagonistas do filme, o médico Cernal e o fiscal Nusret, esa beleza furga
na ferida de ambos, provocada pola perda das súas
respectivas mulleres.
A mirada do doutor Cernal transmite a nostalxia pola felicidade perdida. |
Nese punto do traxecto fílmico
o asunto central da obra de Ceylan quedou difuminado: ninguén semella xa
preocuparse por atopar o lugar onde está soterrado un cadáver que buscan seguindo
as indicacións dos asasinos confesos. A trama converteuse nunha excusa para abordar
as incertezas da existencia a través da voz dos personaxes e da paisaxe. Ceylan
sitúa nun primeiro plano as transcendentais conversas entre Cernal e Nusret,
preñadas de reflexións sobre o amor, a morte ou a xustiza, e nun plano inferior
as dos máis humildes –os policías, o soldado ou os
(des)enterradores– embebidos en disputas domésticas como o cobro das horas
extras ou os difusos límites dos termos municipais. E como pano de fondo, unha
paisaxe inabarcábel, un horizonte que se perde na inmensidade da noite para recalcar a insignificancia do home e das súas obras, o noso intento van de aprehender os enigmas da natureza e da vida. Explícao
Chejov do seguinte xeito no relato antes citado: “Xa sexa o pastor que alinda as vacas, o agrimensor que se dirixe ao
muíño no seu carro ou as damas e cabaleiros que dan o seu paseo vespertino;
todos eles miran a posta de sol e atópana incriblemente fermosa. Pero ninguén pode
explicar onde reside esa beleza”.
A paisaxe inabarcábel de Anatolia esvae as inquedanzas humanas e convérteas en meras anécdotas. |
Las
bellas
constitúe unha viaxe iniciática, ao contrario de Érase una vez en Anatolia, que funciona máis ben como unha viaxe
cara ao nada, unha reminiscencia de El sabor de las cerezas (1997) de Abbas Kiarostami, onde un home, coa
intención de suicidarse, conduce o seu coche sen descanso na procura de alguén
que enterre o seu corpo. Ademais do paralelismo argumental, ambos os cineastas afondan
na potencialidade expresiva da repetición deténdose en acontecementos en
aparencia pequenos, pero de gran poder denotativo. A intención última desta
minuciosidade é transcender o real e convertelo en
simbólico, que o particular acabe por ceder ante o universal. Chejov, Kiarostami e Ceylan exprésanse sen necesidade de levantar a voz, esixindo do espectador
un esforzo engadido para oír e escoitar, para arroxar luz sobre a zona de
sombra das paixóns humanas.
Chejov foi un médico
piadoso que a miúdo non cobraba polos seus servizos aos pobres. Ceylan reflicte
o espírito do escritor ruso no personaxe de
Cernal. A autopsia practicada ao cadáver de Érase
una vez en Anatolia desvela algún tipo de información que o doutor evita
citar no informe. Nunca coñeceremos as razóns que o levan a falsear un
documento oficial, pero na súa mirada albiscamos un aceno reflexivo que dá sentido ao pensamento humanista: que necesidade hai de máis sufrimento?
No hay comentarios:
Publicar un comentario