martes, 7 de febrero de 2012

O fascismo cotián

O relato de La cinta blanca (Das Weibe Band, 2009), primeiro filme histórico sensu stricto de Michael Haneke (Munich, 1942), transcorre na antesala da Gran Guerra, momento en que unha vaga de fervor nacionalista inunda Europa. Haneke disecciona as claves dese tempo convulso a través do día a día dunha comunidade luterana; un microcosmos que serve como metáfora para explicar porque o pobo xermano se entregaría en masa nos brazos do nacionalsocialismo apenas dúas décadas máis tarde.

A supremacía do dogma no seo da comunidade orixina individuos potencialmente perigosos.
A excepción de El tiempo del lobo (Le temps du loup, 2003), que se desenvolve nun futuro indeterminado, o groso da filmografía de Haneke sitúase no presente continuo. Con La cinta blanca volve atrás a mirada, non para formular unha tese sobre a época en cuestión senón para interpretar o pasado á luz do presente, en palabras do director: “Non se trata de como xurdiu o autoritarismo en Alemaña, senón de como pode xurdir en calquera lugar do mundo e en calquera época da historia”. 

O tramado narrativo do filme constrúese a partir dunha serie de macabros sucesos que se producen na aldea; en torno a estes acontecementos pulula un grupo de nenos que parecen posuír o don da ubicuidade. Haneke sitúa os rapaces no centro do relato cun propósito claro: “Aos nenos impoñíanselles valores absolutos. Os principios absolutistas son, por definición, inhumanos. E os nenos seguen estes principios ao pé da letra, castigando aos que non viven en función do seu ideal. Na miña mente quería facer unha película sobre como todo ideal se perverte”. Haneke, como bo prestidixitador, limítase a “presentar situacións moi precisas e contar unha historia para que o espectador poida buscar as respostas por si mesmo”. La cinta blanca é unha obra sobre a suxestión, exsuda ambigüidade en cada detalle, desde o subtítulo (un conto infantil alemán) até a imposición da cinta como emblema de pureza –¿elemento ficcional ou alusión simbólica á esvástica?-. Haneke ve nocivo ofrecer respostas no cine porque estas resultan dubidosas, “por non dicir perigosas”, o cometido da arte, polo contrario, debe cinguirse a xerar preguntas.

Pulcritude, orde e disciplina definen o carácter da comunidade. Posta en escena adecuada ás necesidades do relato.
O carrusel de hábitos, rutinas e costumes propios da época son recreados respectando de xeito escrupuloso o imaxinario de 1913; por isto os rostros dos personaxes, en particular os dos nenos, foron elixidos a partir de fotografías da época. Os actores adoptan o hieratismo típico daquelas instantáneas co fin de lograr unha interpretación neutra, de raizame bressoniana, en consonancia co argumento do filme –son moitos os segredos que hai que manter a salvo nese lugar. Haneke filma en branco e negro, remitíndonos á estética do tempo no que transcorre a acción. Ou ben quizais simplemente renuncia á cor para fuxir do naturalismo.




Para que o público comprenda e se integre no universo de La cinta blanca, o seu autor utiliza varias estratexias. Unha delas é a recorrer ao plano secuencia na parte inicial da obra para presentar os acontecementos cun grao de manipulación mínimo: “Sempre me gustou crear no cine a liberdade que se ten cando se le un libro, onde se producen infinitas posibilidades imaxinativas. (…) Nos longos planos da miña película, a metade dos espectadores ven que sucede algo, a outra metade non percibe nada. Ambas formas funcionan. Sempre enchemos a pantalla coas nosas propias vivencias. O que vemos provén do noso propio interior”. Partindo desta presentación global da realidade asistimos ao progresivo descubrimento do mal. Esa sorte de imaxe-violencia que impregna todo o cine de Haneke intensifícase en La cinta blanca nos espazos interiores a través do plano-contraplano. Nas distancias curtas percibimos en toda a súa dimensión desencontros que dan saída a sentimentos larvados, a rancores que subxacen no fondo das almas e que ás veces só se explicitan mediante leves xestos ou silencios.


Os roles de xénero manifestase nas actitudes corporais.
Ese espírito de sequidade expresiva do plano e a súa vertente semántica afecta tamén á banda sonora; Haneke avoga por introducir só sons accidentais nos seus filmes, e La cinta blanca non é unha excepción: o mundo sonoro procede da diéxese, só existe música cando a baronesa ou o mestre tocan o piano, nas intervencións do coro durante as cerimonias relixiosas ou nos asubíos da frauta que causa graves friccións ao final da película. Haneke pertence á caste de cineastas que cre que a música non xorde de xeito directo da natureza.

Como se observa, todos os elementos técnicos e narrativos desempeñan unha función: nada é azaroso en La cinta blanca. O obxectivo último de Haneke (e o que infunde terror) é subliñar que os axentes da violencia son nenos de rostros anxelicais, aos cales se lles foron inculcando uns valores a modo de verdades absolutas. De aí provén o profundo nihilismo que preside a película:Houbo quen tras ver La cinta blanca pensou que se trataba dun filme en contra do protestantismo, e iso non pode ser máis erróneo. Hai que ter unha mirada máis ampla, porque o que di é que se un ten unha idea, esa idea pode ser boa ou mala, pero no momento en que se institucionaliza vólvese perigosa porque se converte nunha ideoloxía”. 


A crueldade humana desde a infancia é unha das marcas de estilo de Haneke. Fotograma de Caché.
A propósito de Código desconocido (Code inconnu: Récit incomplet de divers voyages, 2000) Ángel Fernández Santos, outeaba o retorno dun novo fascismo sobre o que Haneke nos alerta a través da presentación dunha “silenciosa violencia esencial”, urdida a base de “brotes de horror dispersos, arrincados do subsolo da sociedade”. Desde El séptimo continente (Der siebente Kontinent, 1989), pasando por Funny Games (1997) ou Caché (2005) o cineasta alemán ven rastrexando algunha das ameazas que aflixen á vella Europa. Unha vez perdida a nosa preeminencia cultural asistimos a un asedio pertinaz por parte de grupos de poder que intentan debilitar as estruturas democráticas que tanto costou alcanzar. La cinta blanca, como outros dos filmes de Haneke, non é máis que un conto moral, unha reflexión amarga sobre un presente que vivimos cos ollos pechados e tamén unha alusión velada ao futuro que estamos a construír.



Fontes: 
Gabriel Lerman: “Entrevista a Michael Haneke”. Dirigido por, nº 367, xaneiro 2010, páx. 29. 
http://www.sosmoviers.com/2010/02/entrevista-michael-haneke-la-cinta-blanca
http://www.elmundo.es/elmundo/2009/05/21/cultura/1242914771.html


No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1