martes, 14 de febrero de 2012

A mirada dos humanistas


Os retratos de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, Forcarei, 1930-2008) transmiten de xeito inequívoco o espírito da posguerra galega. A construción das súas fotografías baséase en dúas premisas fundamentais; a frontalidade do retratado respecto do obxectivo da cámara e a inserción do suxeito na súa contorna, acompañado dalgún elemento que nos achega indicios sobre a súa psicoloxía. Este modo de proceder unido a un sobrio tratamento da luz natural dá lugar a unha posta en escena espida que connota un espazo plástico pero profundamente real no que o ser humano adquire a máxima transcendencia.

A mesma trascendencia acadan as fotografías de Seydou Keita (Bamako, 1921- París, 2001), outro poeta da imaxe, que rexentaba un pequeno estudio nos arrabaldos da capital de Mali. Keita, como Vieitez, era autodidacta; e foi asimilando aos poucos a lóxica compositiva da imaxe; pero sobre todo o que destaca en ambos é a empatía establecida cos seus modelos ou, por mellor dicir, clientes.

A caste de fotógrafos de que forman parte Keita e Vieitez non escapaba á carestía xeral da súa contorna. Como os medios eran escasos, tiñan que improvisar in situ. O minimalismo escenográfico destas obras deixa constancia dunha eficaz xestión dos recursos que tiñan á man: unha corredoira, unha horta ou as vivendas dos modelos servían como pano de fondo no caso de Vieitez; un cobertor, que cambiaba cada tres anos, no caso de Keita (este elemento de atrezo serve para establecer a cronoloxía dos máis de 10.000 negativos que conforman o seu arquivo).

A pesar da aparente sinxeleza das composicións existe unha minuciosa elaboración debido a que as súas humildes economías demandaban resultados óptimos co menor gasto de negativo; por iso deben aguzar o enxeño para que un universo revisitado unha e outra vez non resulte anódino. Os clientes de Keita posan fachendosos diante da cámara con vistosos traxes e túnicas (vestimenta que lles proporcionaba o propio fotógrafo se consideraba que non viñan cun atuendo acorde coa ocasión), ademais de numerosos abelorios. Sinala Keita que nas mulleres “as xoias eran tan importantes como as mans; os dedos longos e delgados eran considerados símbolos de elegancia e beleza”. Estas fotografías eran, xa que logo, un símbolo de prestixio.

Tamén para prestixiarse acodían a Vieitez algúns dos seus clientes, concretamente os indianos, que desexaban retratarse a carón dos seus haigas. Non era o máis habitual no caso do galego; polo xeral os seus modelos circunscribíanse aos labradores de Terra de Montes en instantáneas que con frecuencia tiñan un destino transoceánico, como a da vella coa radio comprada cos cartos enviados desde as Américas. A estética da fame das fotografías de Vieitez esconde o halo fantasmal da emigración masiva; mentres, a fotografía de Keita pon fin a un atavismo dos seus compatriotas, que temían que coa súa imaxe o fotógrafo lles estivese a roubar a identidade. 

A obra de Vieitez cínguese á súa realidade social non só no tocante ao tipo de retratados senón tamén na súa concepción lumínica austera, neutra, que contrasta coa luz do Sahel nativo de Keita, luz que, en contacto coas brillantes peles dos clientes, realza os volumes e as texturas dos retratos, conferíndolles un valor engadido de sensualidade.

Tanto Keita como Vieitez foron descubertos para o mundo cando xa eran vellos; e forman parte dunha lexión de fotógrafos que fascinan á modernidade pola pureza das súas miradas, limpas de referentes, e a súa falta de pretensións que os afastan da impostura propia do artista burgués.

A súas obras alcanzan valor documental como depositarias da nosa memoria colectiva e polo seu exiguo grao de manipulación, as fotografías de Vieitez e Keita alimentan o campo semántico das súas respectivas culturas. Escenas que para eles supuñan o sustento diario adquiren hoxe un marcado valor sentimental e antropolóxico; con elas levantaron acta poética do seu tempo. Paradoxalmente o descoñecemento da historia da fotografía fixo xermolar un estilo distante de modas e tendencias, fundamentado na combinación harmoniosa da experiencia e a intuición. Ese estilo propio, co valor engadido da súa calidade humana, é o que os eleva á categoría de artistas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1