miércoles, 13 de marzo de 2013

A poesía na indixencia (I). César Vallejo.


César Vallejo (Santiago de Chuco, Perú, 1892 - París 1938) foi o schulca —en quechua, o máis pequeno da casa— de once irmáns; neto de dúas indíxenas e de dous sacerdotes españois. A súa nenez transcorreu nun contexto xeral de carestía, aínda que a súa familia non era tan pobre como outras da zona; por isto puideron proporcionarlle unha educación superior á da época. De camiño a Trujillo, a cidade máis importante da comarca, resolveu desobedecer por vez primeira aos pais, non estudar para sacerdote senón para poeta: “Un poeta que falara da tristeza dos nenos e da paz dos homes. Un poeta que falara da dor de facerse vello e da dor dos pobres”. Declaración de intencións á que gardou fidelidade até o final dos seus días.
Los heraldos negros (1918) constitúe o amencer poético de Vallejo, nel percíbense os influxos do simbolismo finisecular e sobre todo a pegada modernista de Rubén Darío. Unha serie de revelacións arredor desta obra esbozan o posterior itinerario do poeta: no biográfico, a do amor; no creativo, o latexo vangardista; e no social, a consciencia da súa condición de mestizo e das desigualdades terribles na súa contorna. O libro comeza cun poema homónimo que traza un mapa sentimental, o da asunción do destino incerto e da dor como factor consubstancial á existencia: “Hay golpes en la vida, tan fuertes... Yo no sé. / Golpes como del odio de Dios; como si ante ellos, / la resaca de todo lo sufrido / se empozara en el alma... Yo no sé. / Son pocos; pero son... Abren zanjas oscuras / en el rostro más fiero y en el lomo más fuerte. / Serán tal vez los potros de bárbaros atilas; / o los heraldos negros que nos manda la Muerte”.
Aínda que o seu dominio da arte poética era coñecido, nada semella presaxiar o que estaba xestando aquel mozo que traballaba nun afastado recuncho do mundo, nos confíns da cultura. Vallejo concibe Trilce (1922) unha das obras máis enigmáticas e radicais da literatura universal, como consecuencia da definitiva explosión das vangardas e de dous desgarros que sumen ao poeta nun pozo de hermetismo: a morte da nai e unha estadía de catro meses na cadea: “Ah las paredes de la celda. / De ellas me duele entretanto, más / las dos largas que tienen esta noche / algo de madres que ya muertas/ llevan por bromurados declives, / a un niño de la mano cada una. / Y sólo yo me voy quedando, / con la diestra, que hace por ambas manos, / en alto, en busca de terciario brazo / que ha de pupilar, entre mi dónde y mi cuándo, / esta mayoría inválida de hombre.” (XVIII).
En Trilce Vallejo desembarázase da lousa de Darío, rexeita a beleza como principio rector da creación e asume o reto de avanzar no rexistro expresivo rompendo a rima e o metro, deconstruíndo a sintaxe, incidindo na función agramatical das palabras; lanzando un órdago en toda regra á lingua. Como era de agardar, a incomprensión e o estupor que produciu nas letras peruanas foi maiúsculo, e aceptado con resignación polo poeta: “O libro naceu no maior dos baleiros. Asumo toda a responsabilidade da súa estética. Hoxe, e máis que nunca, sinto gravitar sobre min, unha até agora descoñecida obrigación sacratísima, de home e de artista, ¡a de ser libre!”. Velaquí o espírito que trata de mudar a fisionomía cultural da súa contorna, a voz que recolleu a conciencia adormecida de América, como décadas antes fixera Walt Whitman, máis ao norte.
En 1923, Vallejo, acosado pola xustiza, emprende a fuxida cara a Europa, unha viaxe sen retorno que o converterá por sempre nun vagabundo. En París cando non dorme á intemperie, malvive en pensións de mala morte. Traballa ocasionalmente como tradutor e xornalista en diversas revistas (entre elas Alfar da Coruña). Só un raio de ledicia alumea no medio de tanta soidade, cando coñece á que sería a súa inseparable compañeira Georgette Philippart.
 César Vallejo e Georgette Philliphart en Versalles (1929).
Vallejo nunca deixou de escribir a pesar de que non publica até 1930, El tungsteno, novela na que recolle a explotación á que eran sometidos os indios nas minas de volframio de Quiruvilca, non lonxe de onde o poeta nacera. O proxecto foi ideado na súa xuventude cando, co pretexto de que estudaba os minerais, Vallejo achegábase alí para tomar notas sobre as lamentables condicións de vida do lugar. A novela inscríbese na senda do realismo socialista, e malia que adoece de certo maniqueísmo serve para trazar o perfil máis comprometido do poeta como axente activo na loita de clases.
Vallejo e Georgette visitaron a URSS, e quedaron fascinados coa revolución do proletariado, unhas viaxes que darían lugar á crónica Rusia en 1931, un éxito de ventas na convulsa España da época. Por motivos ideolóxicos as autoridades francesas expulsaron ao poeta, que se ve obrigado a cruzar os Pirineos, a tempo para vivir in situ a proclamación da Segunda República. “¿De dónde, por qué camino había venido, / soplo de ceniza caliente / indio manso hecho de raíces eternas / desafiando su soledad, hambriento de alma / insomne de alma, hacia la inocencia imposible; / terrible y virgen como una cruz en la penumbra, / y había llegado hasta nosotros para gemir, / había venido para gemir, aunque callaba tercamente / en su corazón ilusorio, / agua trémula de humildad / y labios que han besado mucho de niño?”, con estes versos, rememoraba Leopoldo Panero en Escrito a cada instante (1949), a chegada de Vallejo a Astorga no Nadal do 1931.
O estourido da Guerra Civil constitúe un trauma para Vallejo; durante esta época escribe febrilmente, sen publicar. Un feixe de poemas gardados en carpetas verían a luz de xeito póstumo en 1939 baixo os títulos de Poemas humanos e España, aparta de mí este cáliz. “Yo no sufro este dolor como César Vallejo. Yo no me duelo ahora como artista, como hombre ni como simple ser vivo siquiera. Yo no sufro este dolor como católico, como mahometano ni como ateo. Hoy sufro solamente. Si no me llamase César Vallejo, también sufriría este mismo dolor. Si no fuese artista, también lo sufriría. Si no fuese hombre ni ser vivo siquiera, también lo sufriría. Si no fuese católico, ateo ni mahometano, también lo sufriría. Hoy sufro desde más abajo. Hoy sufro solamente”. (Voy a hablar de esperanza).
É nestes derradeiros poemas onde se descobre con maior intensidade o “pensamento vallejiano”, os lazos de sangue cos máis desfavorecidos. Vallejo transcende o sufrimento a nivel colectivo, na busca dun humanismo revolucionario sen fisuras que invocase a xustiza social e igualdade entre as persoas: “Al fin de la batalla, / y muerto el combatiente, vino hacia él un hombre / y le dijo: ‘No mueras, te amo tanto!’ / Pero el cadáver ¡ay! siguió muriendo. / Se le acercaron dos y repitiéronle: / ‘¡No nos dejes! ¡Valor! ¡Vuelve a la vida!’ / Pero el cadáver ¡ay! siguió muriendo. / Acudieron a él veinte, cien, mil, quinientos mil, / clamando ‘¡Tanto amor y no poder nada contra la muerte!’ / Pero el cadáver ¡ay! siguió muriendo. / Le rodearon millones de individuos, / con un ruego común: ‘¡Quédate hermano!’ / Pero el cadáver ¡ay! siguió muriendo. / Entonces todos los hombres de la tierra / le rodearon; les vio el cadáver triste, emocionado; / incorporóse lentamente, / abrazó al primer hombre; echóse a andar…” (Masa).
César Vallejo visto por Picasso.
Vallejo morreu, pobre de solemnidade, na Cidade da Luz, o Venres Santo de 1938. Pasou os últimos días enfermo nunha pensión onde se fai realidade un soño que tivera nos días que precederon ao seu ingreso en prisión. Daquela Vallejo viu o seu cadáver, en París, rodeado de xente descoñecida, e, ao seu carón, unha muller tamén descoñecida. Ninguén choraba por el, e a figura da nai “no aire, alongaba os brazos sorrinte”. Unha profecía que rexistrou en Piedra negra sobre una piedra blanca; “Me moriré en París con aguacero, / un día del cual tengo ya el recuerdo. / Me moriré en París —y no me corro— / tal vez un jueves, como es hoy de otoño. / Jueves será, porque hoy, jueves, que proso / estos versos, los húmeros me he puesto / a la mala y, / jamás como hoy, me he vuelto, / con todo mi camino, a verme solo. / César Vallejo ha muerto, le pegaban / todos sin que él les haga nada; / le daban duro con un palo y duro / también con una soga; son testigos / los días jueves y los huesos húmeros, / la soledad, la lluvia, los caminos…”.

2 comentarios:

  1. Interesante entrada que promete ter continuación, se cadra ainda mellor, da gusto ler un blog de cine, literatura e cultura en xeral tan ben escrito e en galego.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polas túas palabras. Nun tempo en que a cultura é tratada como un ben marxinal temos a obriga de dignificala na medida do posible (aínda que a aportación sexa tan humilde coma esta). Apertas.

    ResponderEliminar

UA-32116171-1