Existe no seo da historia unha fricción constante entre a
liberdade creativa e a obsesión do poder por controlar a difusión das ideas,
desde réximes dotados de férreos mecanismos censores até as democracias modernas,
que empregan métodos máis sofisticados pero igualmente perversos, como a
ditadura dos mercados. A este ímpeto reaccionario enfróntase a audacia de
persoas e colectivos que trataron de eludir a maquinaria represora do Estado; un
bo exemplo disto é o samizdat, un
movemento que se desenvolve no contexto da Rusia soviética.
O termo samizdat
provén da conxunción de sam (eu
mesmo) e izdat (editorial), e
refírese á copia e distribución da literatura prohibida polo réxime soviético. Este
sistema, definido pola poeta Anna Akhmátova como o “período pre-Gutenberg” da
literatura soviética, consistía en que, unha vez rematada a obra, o escritor
entregaba un exemplar a un amigo, este realizaba unha ou varias copias que á
súa vez pasaban a mans doutras persoas, as cales repetían a mesma acción de
xeito sucesivo. A través do samizdat
teceuse unha complexa rede de cultura autoeditada que sobrevivía á marxe da
ortodoxia oficial representada pola editorial do Estado, a Gosizdat.
Alexandr Solzhenitsyn (1918-2008) foi a voz de milleiros de presos nos campos de traballo soviéticos. |
O samizdat
atinxía todo tipo de publicacións: literarias, filosóficas, teolóxicas,
eróticas… Calquera escrito que desafiase a doutrina do realismo socialista era
susceptible de ser perseguido desde os altos estamentos do poder. O comiso destas
obras clandestinas supuña o castigo do autor e do mensaxeiro e as súas condenas a prisión, ao desterro ou aos campos
de concentración.
Un segundo estadio do samizdat consistía na saída da obra máis alá do pano de aceiro. Ao
ser publicados en occidente os autores convertíanse en disidentes.
Paradoxalmente a visibilidade no exterior conferíalle certa tranquilidade ao
escritor, aínda que non constituía garantía ningunha de seguridade fronte ás
atrocidades do poder, nin para eles nin para as súas familias.
Exemplo de samizdat mecanografado existente no Museo do Gulag. |
Un dos paradigmas desta época convulsa é o do
escritor Alexandr Solzhenitsyn; a súa novela Un día en la vida de Ivan Denisovich (1962) publicouse na revista Nóvy Mir (dirixida por Alexandr
Tvardovski), núcleo de pensamento e símbolo do aperturismo durante o período
coñecido como o desxeo. Pero, despois
da desaparición de Kruschev, Solzhenitsyn caeu en desgraza: a súa obra máis
célebre, Archipiélago Gulag, o
monumental estudo sobre o sistema de prisións soviético que conduciu ao
aniquilamento de millóns de persoas, só puido ser editado en París en 1973.
Archipiélago
Gulag circulou
en versión samizdat durante anos, pero
tamén foron introducidas numerosas copias da novela desde o exterior que os rusos
devoraban na clandestinidade. A este tráfico de novelas publicadas en Occidente
que recalaban en territorio soviético denominóuselle tamizdat.
Era tal o interese que espertou a obra de
Solzhenitsyn que mesmo existía unha edición especial de Archipiélago Gulag destinada aos altos cargos do partido. Amén
disto, as obras confiscadas pasaban a engrosar departamentos privados das bibliotecas que só se podían consultar
con permisos especiais. Así, os membros das altas esferas eran os que degustaban as obras de maior calidade, obras
que nunha alta porcentaxe tiñan como denominador común a crítica do pasado stalinista.
A sátira antisoviética El maestro y Margarita (1928-1940) de Mihail Bulgakov foi unha das obras de maior percorrido en versión samizdat. |
Outro dos libros que se leu con intensidade
en Rusia foi Doctor Zhivago de Boris
Pasternak, publicado por primeira vez en 1957 por Feltrinelli nunha dobre
edición: en italiano e en ruso. Pasternak, refuxiado na tradución dos clásicos,
viuse na obriga de rexeitar voluntariamente
o Premio Nobel; Solzenitsin, pola contra, aceptou con orgullo o galardón, xesto
que o converteu nun símbolo da loita pola liberdade de expresión.
Joseph Brodsky e Vladimir Nabokov, ambos os
dous exiliados nos Estados Unidos, estiveron tamén no limbo da Rusia comunista.
Brodsky, acusado a mediados dos cincuenta de parasitismo social, non deixou de escribir os seus versos en ruso (pensaba
que o idioma, ao contrario que a historia, era un instrumento milenario). Nabokov,
pola súa banda, sufriu a censura por partida dobre, a do seu país de orixe e a
moral, propia das sociedades anglosaxonas, onde non se lle permitiu publicar Lolita, que viu a luz pola primeira vez
en Francia. Polo que parece ningunha forma de poder está libre dos seus
fantasmas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario