jueves, 31 de enero de 2013

Bron/Broen sobre augas turbulentas

No imaxinario colectivo europeo as sociedades escandinavas asoman como oasis de benestar e xustiza social, porén esas comunidades apracibles, as máis das veces sustentadas na súa propia autocomplacencia, son sacudidas de cando en vez por algún suceso truculento, como aconteceu co asasinato do primeiro ministro sueco Olof Palme en 1986 ou coa recente masacre da illa norueguesa de Utøya en xullo de 2011. É neses momentos de confusión cando albiscamos a fraxilidade dese mundo en aparencia perfecto.
A paisaxe escandinava cos seus inmensos espazos naturais asolagados pola brétema, o misterio inefable das auroras boreais, a neve que ao derreterse se funde en torrentes de augas cristalinas... Unha combinación de misterio e beleza natural que constitúe o caldo de cultivo idóneo para o desenvolvemento dun xénero literario coñecido como o Nordic Noir, fenómeno editorial encarnado por unha longa nómina de escritores que, a través da ficción policíaca, exploran a cara menos amable dos países nórdicos incidindo nos desaxustes e as perturbacións ocasionadas polas desigualdades sociais.
Saga (Sofia Helin) e Martin (Kim Bodnia), a parella de investigadores de Bron/Broen representan respectivamente o rigoroso carácter sueco e o danés, "máis latino".
En paralelo ao boom editorial da novela negra, nos últimos anos foi tomando corpo no norte de Europa unha ficción televisiva que transita por lugares narrativos comúns e que se presenta ao espectador baixo o envoltorio dunha factura impecable. Logo do éxito mundial de Forbrydensen (referendado pola súa secuela americana The Killing) e do impacto doutros produtos notables, como a adaptación británica da mítica serie Wallander ou a sueca Sebastian Bergman (ambas emitidas pola BBC Four), o último éxito televisivo escandinavo de impacto internacional é Bron/Broen (‘ponte’, en sueco e danés respectivamente), unha coprodución realizada en 2011 pola SVT1 e a DR1, que ha contar en breve cunha versión americana e con outra coproducida por Francia e o Reino Unido e titulada The Tunnel.
A premisa de arranque de Bron/Broen é a seguinte: logo dunha apagada que deixa ás escuras as áreas metropolitanas de Malmö e Copenhague, aparece un cadáver na ponte de Oresund, xusto na liña imaxinaria que separa os territorios de Suecia e Dinamarca. A sorpresa prodúcese pouco despois, cando a análise forense dictamina que a parte inferior do corpo se corresponde coa dunha prostituta danesa desaparecida cinco anos atrás e a parte superior coa dunha coñecida política sueca. O lugar onde foi atopado o cadáver determina que a investigación sexa levada a cabo conxuntamente por policías de ambos os dous países.
Un cadáver seccionado, abandonado xusto no límite entre os dous países, é o punto de partida do relato.
Como acontecía en Forbrydelsen, a trama de Bron/Broen bascula entre a investigación policial e as peripecias persoais da peculiar parella protagonista: a sueca Saga Norén, unha axente con síndrome de Asperger que entende a vida apenas no seu sentido literal, e Martin Rohde, un danés, sinxelo e apaixonado, cheo de sentido do humor, que se queixa constantemente de dor de testículos porque lle acaban de practicar unha vasectomía. Os personaxes de Saga e Martin funcionan como espellos dos seus respectivos países: a sueca, individualista, hiperracional e obsesionada co traballo, o danés, pola contra, impulsivo e sentimental.
Bron/Broen incardínase na longa tradición de denuncia social do Nordic Noir, inaugurada nos setenta pola parella de escritores Per Wahlöö e Maj Sjöwall, que, co pretexto de narrar as aventuras e desventuras do inspector Martin Beck, puxeron o foco sobre os moitos pecados da mal chamada “sociedade do benestar” sueca: a pobreza, a marxinalidade, o alcoholismo, os prexuízos, a especulación urbanística, a corrupción policial, etc. Na mesma liña, a serie de novelas creadas por Henning Mankell sobre o inspector Kurt Wallander e as súas posteriores adaptacións televisivas, poñen o acento nos problemas da sociedade sueca contemporánea como a inmigración ilegal ou a trata de mulleres, entre outros. No caso de Bron/Broen, o obxecto de denuncia é unha forma de violencia latente que se vai concretando a través dunha ampla nómina de personaxes protagonistas e secundarios. Todos xuntos compoñen un cadro de pobreza, marxinación, maltrato, enfermidade, delincuencia e prexuízos raciais, moi afastado do ideal democrático e de paz social promovido polos poderes públicos dos dous países.
Ponte de Oresund, cordón umbilical narrativo de Bron/Broen.
Con todo, un dos elementos máis interesantes da serie é o feito de que sexa  o asasino quen se ocupe de subliñar as eivas desta sociedade idealizada a través dos seus xogos macabros cos policías. É precisamente este ser manipulador e depravado o encargado de pór enriba da mesa os grandes erros das democracias europeas —a corrupción política, o trato aos inmigrantes, o traballo infantil, etc.— que os gobernantes, coa complicidade silenciosa dos cidadáns, tratan de ignorar.
O éxito de Bron/Broen radica nesa contradición inherente ao ser escandinavo: o contraste entre os espazos pulcros e ordenados das cidades do norte e as almas atormentadas que as habitan. Un pano de fondo perfecto sobre o que proxectar unha visión do crime como elemento consubstancial á condición humana. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1