miércoles, 11 de abril de 2012

Save Nola!

Na edición de Photoespaña do 2006 Chris Jordan presentou unha serie titulada Laid to Waste: Portraits of Loss in Katrina´s Wave formada por imaxes que reflicten a devastación producida polo furacán que uns meses antes asolara o delta do Mississipi. Nestas fotografías Jordan borrou toda presenza humana para converter a cidade de Nova Orleans nunha natureza morta.
Sobre pegadas físicas similares ás da instantánea de Jordan constrúese a cabeceira de Treme (HBO, 2010-2011), última serie escrita até o momento por David Simon, que anteriormente diseccionara os baixos fondos de Baltimore en The Wire (HBO, 2002-2008), e recreara en clave hiperrealista a carnicería de Irak en Generation Kill (HBO, 2008). Simon chega a Nova Orleans para organizar, á súa maneira, a paisaxe despois da batalla.
Living room floor, Ninth Ward neighborhood. Chris Jordan
A secuencia inicial de Treme supón unha declaración de intencións: logo dun intertítulo que reza “Nova Orleans. Tres meses despois” mostra o primeiro desfile trala catástrofe entre coches amoreados na lama, casas destruídas e rúas cheas de fochancas. Antoine Batiste (Wendell Pierce), coa alma aínda chea de hematomas, únese á marcha co seu inseparable trombón (un apéndice máis do seu corpo), convertendo ese xesto en símbolo dunha cidade que non acaba de espertar do pesadelo. Este desfile supón o punto de partida dun itinerario marcado pola loita infatigable de homes e mulleres que co transcorrer dos días volverán a recobrar o brillo nos ollos.


Treme, que toma o nome dun dos barrios míticos da cidade, eríxese nun monumento á morte entendida como renacemento. Nola, núcleo multicultural onde converxe o pouso dos conquistadores europeos co ímpeto dos pioneiros e co sangue dos escravos negros foi destruída en poucos días pola virulencia da natureza pero tamén pola neglixencia das autoridades e a voracidade de especuladores financeiros e inmobiliarios. Como denuncian as instantáneas de Jordan, a cidade da media lúa foi abandonada á súa sorte.
Simon explicita o malestar coa administración a través do personaxe de Creighton Bernette (John Goodman) que actúa de acicate das conciencias a través de incendiarias soflamas a través de youtube. Simon, por boca deste mestre de literatura, continúa a liña que Spike Lee adopta –en formato documental- nos catro actos do réquiem When the Levees Broke (2006), amosando o lado escuro dunha nación centrada nunha guerra a escala global, que ignora de xeito cruel o penoso día a día dos seus cidadáns máis desfavorecidos. Paradoxalmente Creighton capitula cara o final da primeira temporada. A súa muller Toni (Melissa Leo), unha avogada de causas perdidas, láiase antes das exequias fúnebres non pola morte do seu marido senón polo seu acto de covardía: “Non se pode bailar por alguén que se bota atrás”, di afundida.
Nova Orleáns en 1888.  Fonte: Meyers Konversationslexikon
A decisión de Creighton é inaceptable nun mundo de persoas que pelexan até a extenuación porque as cousas volva ao seu estado orixinal: desde Lambreaux (Clarke Peters), que trata de preservar a toda costa a tradición tribal –ademais do seu estatus de Indian Red- á perseveranza feminina por manter a flote os seus arruinados negocios (caso de Ladonna (Kandhy Alexander) ou de Janette Desautel (Kim Dickens). Simon, como de costume traza un relato ambiguo, aberto e cheo de arestas, cun reparto coral sen un centro de gravidade claro, co obxectivo de ir espindo ao ser humano até deixar ao descuberto o seu máximo valor, a dignidade.
A escritura de Treme semella fluír sobre un pentagrama, pero deixando espazo para que anacos de realidade se vaian filtrando de xeito natural na estrutura dramática. O epílogo deste canto de amor supremo a un lugar, á súa xente e á súa cultura é a actuación de Lucinda Williams, que entoa Crescent City, ese himno creado para honrar á cidade que a veu nacer e que lentamente recobra a súa identidade. Entre o público Davis (Steve Zahn), apenas acerta a musitar que lle parece incrible que ese tema fose concibido antes da tormenta, e Annie (Lucía Micarelli), con bágoas nos ollos replica que "é universal". 
A música como o alfa e o omega de Treme e de Nova Orleans; non só panos mollados contra as adversidades. Con Treme a ficción tórnase vida, e viceversa. O que subxace do relato é que, inequívocamente, o universo humano -hoxe máis que nunca- fórmao a comunidade. Comunidade.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

UA-32116171-1