Unha das imaxes que máis curiosidade suscita ao
espectador cando asiste a unha proxección de O instante eterno é unha fotografía datada en 1926 na que aparecen sentados Díaz Castro e o seu irmán Serafín, e cuxo primeiro plano está ocupado polas
zocas dos dous cativos. Este fotograma actúa, en realidade, como caixa de resonancia de Nimbos e do
seu tempo.
Os alumnos dos centros de ensino nos que presento o documental entenden con relativa facilidade a
importancia da zoca como elemento básico na vida dos nosos antepasados. Non en
van foi o calzado máis usual durante séculos na Galicia interior, pois permitía
aos labradores manter os pés enxoitos nos días de choiva e evitaba as lameiras
nas que adoitaban converterse os camiños durante o inverno e gran parte da
primavera. Pero a miúdo cando se lles explica aos rapaces o proceso de
fabricación desa zoca xórdelles un dilema moral; para facer as zocas hai que
talar árbores, no caso da Chaira, o máis habitual para este mester era a
madeira de abedugo.
Xosé María Díaz Castro e Serafín en 1926. Fotograma de O instante eterno. |
Establécese entón un debate que sempre remata no
mesmo punto, cando alguén suxire que seguramente o zoqueiro cortaba a árbore, e
acto seguido no mesmo lugar plantaba outra. Isto produce un silencio, un espazo
de reflexión durante o cal os nenos asimilan a información e transfórmana en
coñecemento, para comprender que os nosos vellos aproveitaban ao máximo todos
os recursos que a natureza lles ofrecía. En efecto, a supervivencia dependía en
boa medida de acadar o equilibrio co medio.
Pois ben, así como os contemporáneos de Díaz Castro
coidaron o bosque para fornecerse de alimentos, calzado ou leña, dese mesmo
xeito intuitivo preservaron a lingua, porque aínda que a inmensa maioría fosen
iletrados, entendían por sentido común que o legado dos seus devanceiros constituía
algo sagrado, a cerna da súa identidade. O poeta do Vilariño é xustamente a voz
a través da cal se transmite esa cultura na súa esencia.
Outro momento fascinante acontece con frecuencia ao
final da sesión, cando os cativos recapitulan os temas máis relevantes de Nimbos. Sempre hai varios que cren que o obxecto
principal do poemario é o amor, pero non saben explicalo con certeza. Tampouco
eu, que coincido sobre este mesmo particular.
Bosque a carón da Serra de Montouto, berce poético de Díaz Castro. Fotograma O instante eterno. |