jueves, 18 de abril de 2013

As pegadas dos cartos e do esperma


Crímenes (Salamandra, 2011) é o debut literario de Ferdinand von Schirach (Múnic, 1964), un exercicio de síntese que condensa en once relatos máis de setecentos casos nos que participou activamente como avogado. Von Schirach variou o contexto, os nomes dos protagonistas e as situacións para ofrecernos a súa particular visión sobre o mundo da xustiza.
A de von Schirach é unha prosa destilada, sen apenas adxectivación, que detalla en poucas pinceladas as peripecias de persoas correntes que por “azar, pésima sorte, malentendidos ou unha combinación das anteriores” chegan ao punto extremo de matar. Sen omitir en absoluto macabros detalles dos crimes, von Schirarch non só nos amosa de xeito descarnado o lado escuro das persoas senón que tamén nos expón as súas razóns. Detrás de cada historia hai unha intrahistoria.
Os personaxes de Crímenes encóntranse nos antípodas do serial killer, son simplemente persoas comúns, sen disfuncións, que se trabucaron: “Friedhelm Fähner había sido toda su vida médico de familia en Rottweil, despachaba 2.800 volantes al año, tenía consulta en la Hauptstrasse, era presidente del Círculo Cultural Egipcio, miembro del Lions Club, y no había cometido un solo delito, ni siquiera una infracción”. A Von Schirach os psicópatas non lle resultan interesantes, e moito menos a forma en que o xénero os exhibe, como acontecía antano cos monstros circenses.
Ferdinand von Schirarch comezou a escribir como antídoto contra o insomnio. Fotografía Michael Mann.
Von Schirach percorre as difusas fronteiras do ben e o mal trazando un suxestivo discurso sobre o concepto de culpabilidade desde unha perspectiva de afastamento, unha voz neutral en terceira persoa coa que semella diluir as consecuencias morais dos actos na reconstrución dos feitos e no rastrexo dos precedentes: "Patrik le acariciaba la espalda. El libro lo aburría, no le gustaba Herman Hesse, y si leía los poemas era sólo porque ella se lo había pedido. Contemplaba su piel desnuda, la columna vertebral y los omóplatos, recorría su silueta con los dedos. En la mesilla de noche estaba la navaja suiza, con ella había cortado la manzana que se habían comido. Dejó el libro al lado y cogió la navaja". O conciso estilo de Von Schirach fúndese cun pano de fondo ambiguo; inevitablemente acaba xurdindo unha lacerante empatía entre os criminais e o lector. E somos nós, como receptores da información, os que en última instancia temos que actuar como xuíces.
Na obra de Von Shirach percíbense ecos filosóficos de Dostoievski e estilísticos de Chejov.
Ademais dunha análise milimétrica da conducta humana, Crímenes constitúe un portentoso retrato das nosas sociedades e dos medos que as atenazan: “En Berlín se venden quince veces más bates que pelotas”. Von Schirach, como avogado criminalista e sagaz observador do microcosmos no que vive e traballa, albisca unha certeza -entre tanto relativismo- na filosofía dun veterano comisario que aplica a seguinte máxima policial: para resolver un crime hai que seguir as pegadas dos cartos ou do esperma. O sexo e os cartos moven o mundo; real como a vida mesma.
UA-32116171-1