Nunha secuencia de Todo o nada (All or Nothing, 2002), a protagonista, Penny, reprende ao seu marido Phil, taxista de profesión, por lle cobrar a un ancián impedido unha carreira dun lugar a outro da mesma rúa; na súa defensa, o home responde que foi o cliente quen insistiu en pagar, e argumenta que negarse tería sido unha afronta para a dignidade do vello. Neste territorio de pequenos pero significativos conflitos desenvólvese o cine de Mike Leigh (Lancashire, Reino Unido, 1943), autor que desde a década dos setenta se dedica a radiografar a vida do proletariado británico, coas luces e as sombras que derivan da súa inmersión na sociedade do benestar.
Leigh comezou a súa carreira como dramaturgo e logo realizando filmes para a BBC. |
En filmes como Meantime (1984), Life Is Sweet (1990) ou Naked
(1993) asistimos ao proceso de deterioración e destrución dos dereitos sociais,
que levaron a cabo na Gran Bretaña dos anos oitenta os sucesivos gobernos de
Margaret Thatcher. Atmosferas presididas pola sordidez e habitadas por seres en
constante desasosego, en loita coa soidade e coas súas propias frustracións.
Pero para Leigh, máis alá do ámbito político ou económico, o que importan son
os individuos; por iso o seu cine non se mide en parámetros ideolóxicos senón
humanos. Segundo o director, as súas películas miran o mundo e falan sobre el:
“todo o que fago é soster un espello fronte á natureza”.
O estilo de
Leigh ciméntase na denominada improvisación
orgánica;
isto é, propón unhas liñas mestras argumentais aos actores sobre os seus
personaxes para ir elaborando o guión
do filme a base de ensaios. Por medio desta exploración progresiva das
motivacións íntimas dos personaxes, estes van adquirindo un grao maior de
complexidade e o filme acaba por acadar unha estrutura dramática sen fisuras;
tal é o caso de Secretos y mentiras (Secrets
and Lies, 1996), El
secreto de Vera Drake (Vera Drake, 2004) e Another Year (2010), a súa última obra estreada
até o momento. Este estilo sen estilo
ben podería ser unha transposición fílmica do universo literario de Anton
Chejov, pero cunha diferenza esencial: alí onde o novelista ruso sentía —ou
simulaba— unha indiferenza absoluta cara aos personaxes, Leigh amosa un enorme
afecto cara a eles.
Meantime (1984), crónica despiadada sobre os estragos do thatcherismo. |
O método de Leigh non só se
circunscribe ao universo actoral, senón que concirne a outras parcelas da
produción como a fotografía, o vestiario e a dirección artística; cada
departamento colabora de xeito activo na construción do filme. Esta osmose
entre todos os elos do proceso creativo é o que lle confire ao seu cinema unha
lóxica implacable que ten como estandarte formal o plano secuencia, a procura
das cousas e o seu sentido máis íntimo.
Mike Leigh constitúe o paradigma
de artista insubornable, que cociña a lume lento a súa obra e que amosa unha
lealdade absoluta cara ao seu traballo. O cineasta británico fainos partícipes
dunha realidade que transpira, sen edulcorantes, na que valores denostados no
noso tempo como a bondade ou o sentido da solidariedade volven adquirir
protagonismo desafiando o sentido do espectáculo que adoita prevalecer no
cinema actual. Os filmes de Leigh parecen seguir a máxima de Rosellini, outro
dos mestres do realismo: “Nada de imaxes fermosas; imaxes xustas, imaxes
necesarias”.
Antoher year (2010) constitúe unha aceda e lúcida reflexión sobre a amizade, a vellez e a soidade. |